Que é Cali?
Cali é un selo de danza e movemento consciente codificado nunha metodoloxía de ensinanza e nunha marca creativa de producións escénicas conectadas coa interioridade. 

En Cali creamos unha beleza rota e imperfecta en sintonía coa realidade da vida, desde dentro cara a fora, desde a profundidade cara a superficie, de xeito cru e honesto. Poñemos o acento no proceso, no interior e en cada instante. É unha forma de vivenciar a danza en conexión cun mesmo. Nun momento histórico tan visual, inmediato e ás veces frío, nós pretendemos pór na escena o ritmo profundo, forte e poderoso da vida xunto coa transparencia corpórea e emocional de cada intérprete e creación. 

Cali ten unha finalidade social e comunitaria achegando o método e xerando dinámicas de traballo en favor da colectividade e da integración e benestar de todos os membros en cada unha das propostas.

  • Aínda que ningunha destas verbas nin rexistros audiovisuais poden substituír á experiencia directa de entrar co corpo no universo Cali

Metodoloxía

Cali é unha metodoloxía de traballo de movemento consciente que outorga unha entrada na danza desde a afinación corpórea, mediante ferramentas de desbloqueo corporal, respiración conectada e preparación física, incidindo no equilibrio entre a forza e a flexibilidade a todos os niveis. Os obradoiros e monográficos da marca Cali ofrecen unha viaxe interior polas diversas e interconectadas dimensións do ser humano mediante a danza e a consciencia, ofrecendo ao remate de cada proceso unhas claras conclusións, rutinas e dinámicas para aplicar na vida cotiá de cadaquén. O método adáptase ás persoas a través dos diferentes formatos de obradoiros, atendendo á

diversidade e pluralidade de realidades (idades, profesionais da danza e non profesionais) e tamén integrándoo de maneira colaborativa noutras áreas (mulleres, natureza, tradición e raíz).

Na Compañía Cali creamos en formato físico ou virtual tamén desde a viaxe e a conexión co método, en procesos de creación que xurden da interioridade do colectivo. De dentro a fóra, sempre.

    • “Aínda que ningunha destas verbas nin rexistros audiovisuais poden substituír a experiencia directa de entrar co corpo no universo Cali”.

Fotografía de : Ferga's Project

Alba Felpete

Directora e creadora do método Cali

“Gústame ir ao profundo e observar a sombra con todo o corpo. Son creadora e comunicadora poética desde…”

Fotografía de : Chus Varela

Compañía

A Compañía Cali está constituída por un equipo humano minuciosamente escollido para xerar equilibrio e potencia artística. Fórmano persoas cunha alta sensibilidade polo que a súa capacidade de transmisión é elevada. Elas son a materia prima e a canle pola que se desenvolve a marca Cali. Son mulleres altamente cualificadas e con moito traballo persoal. Teñen en común os seus coñecementos e preparación profesional en danza contemporánea pero tamén aportan como bailarinas e formadoras as competencias derivadas dos seus outros oficios como pedagogas, mestras en danza tradicional e raíz ancestral así como biólogas e especialistas en sostibilidade. Toda esta variedade fai un calidoscopio de puntos de vista que enriquecen e potencian a Cali.

As obras Cali nacen do proceso interno de cada compoñente e do colectivo. Non buscamos producir nada, simplemente abrimos un campo de creación e inspiración a través do movemento, cunhas bases sólidas, fortes e determinadas de adestramento corpóreo. O material escénico é un medio para traspasar e inspirar a quen observa e levalos á profundidade. Existe información significativa en todo o texto escénico, non presentamos nada puramente estrutural nin baleiro de contido,  porque creamos e practicamos desde un estado de presencia e conexión fonda sostida pola metodoloxía. Nas producións Cali abrazamos todos os aspectos do ser humano: físico, mental e emocional, abríndonos á vastedade dos pulsos enerxéticos. 

“Aínda que ningunha destas verbas nin rexistros audiovisuais poden substituír a experiencia directa de asistir a unha representación do universo escénico de Cali”.

Traballos

Fotografía de : Cris Sánchez

Obradoiros

Fotografía de : Ferga's Project

Colaboradores