A ciclicidade 🔴
A repetición simple e a repetición acumulativa dentro duns parámetros minimalistas está presente en Donas ao servizo e como instrumento de expresión da ciclicidade da vida.
En Donas repítense xestos, movementos, emprazamentos e formacións pero non son exactamente iguais, amosan diferenzas tónicas, posturais e estruturais sutilmente modificadas e é nesa variación onde se acha a significación do acto. Pero tamén é na repetición onde está a expresión máis holística da ciclicidade e da rendición á mesma.
En Donas sempre cae alguén, unha e outra vez, cae e vaise alguén e aparece e levántase outra persoa. Podería ser a morte e o nacemento, ou a nosa homenaxe a quen é derrubado, tamén á capacidade de resiliencia, de caer e de levantarse, de levantarse e de caer, á disciplina, á vontade que se impulsa desde o amor, á perseveranza e á fortaleza que xorden dunha aceptación de todos os climas, de todas as emocións, de todas as paisaxes polas que transitamos os seres humanos.
En Donas repítense sílabas en diferentes contextos, en diferentes climas, en diferentes tons vocais e musculares. Estamos a evocar todo o tempo isto: é o mesmo pero de diferente maneira.
En Donas estamos a transvasar repetidamente pezas, palabras, elementos tanxibles ou simbólicos, durante toda a obra incídese neste transvasamento, tendo este xesto unha connotación cooperadora e de sororidade, de comunidade e solidariedade unhas coas outras. Durante toda a vida as mulleres acompañáronse onde ninguén máis lles ía a acompañar, escoitáronse o que ninguén máis as ía a escoitar, dixéronse o “acompáñoche” antes de saber a onde. Apelamos pois a este xesto de corazón que pulsa en cada transvasamento e ao feito en si de que as mulleres cando nos unimos, non cando nos xuntamos, se non cando nos unimos podemos facer que cambie (que non cambiar) unha xeración enteira.
E por último, Donas remata como empeza. É a mesma sección con elementos similares coa composición musical transformada con calidades máis lixeiras para trasladarnos a un novo comezo, a unha nova forma de transitar a mesma vida.
Así remata: comezando. En círculo, cíclica, completa. 🔴
Texto de @albafelpete